HISTORIA
O NACEMENTO DAS XORNADAS DE VIDEOXOGO E LITERATURA
Ao longo da historia, os videoxogos atoparon unha fonte de inspiración na narrativa máis tradicional, a literatura, pero é evidente que, sobre todo nos últimos anos, ambas vertentes véñense nutrindo reciprocamente.
A narrativa máis clásica inflúe no xeito de crear argumentos e personaxes nos videoxogos, e, dalgunha forma, isto tamén está a ocorrer á inversa. As grandes tramas de moitos xogos, coas súas innovadoras estruturas narrativas, inflúen na mentalidade de cada vez máis escritores, amosándolles novos camiños e posibilidades para a presentación das súas historias.
Por outra banda, diversos estudos vinculan o uso de videoxogos coa mellora da lectoescritura, da creatividade, da empatía e da comunicación positiva, así coma do benestar mental na xente nova (e non tan nova). O videoxogo serve como vía para introducirse na historia de xeito máis profundo e interactivo que outras canles máis tradicionais.
Convértese deste xeito nunha ferramenta clave para o desenvolvemento de competencias no eido da educación, puidendo empregarse como método de ensinanza, ou de aprendizaxe. Mestres, mestras, alumnos e alumnas vense beneficiados dun método de apredizaxe dinámico, atractivo, motivador, entretido e actual.
É así como nacen as Xornadas de Videoxogo e Literatura, un espazo onde procuramos explorar, por medio de profesionais, aficionados e amantes dos dous mundos, as conexións máis íntimas entre o videoxogo e a literatura, descubrindo todos os recunchos que nos brindan e sacándolle así o máximo partido a dous elementos culturales imprescindibles.
A primeira edición celébrase o 4 de xuño de 2019, unha única xornada que pretendía explorar as posibilidades de crear sinerxias. Dous anos máis tarde, as Xornadas continúan medrando e, por tercer ano consecutivo, reunímonos en Vigo, e tamén achegamos aos de máis lonxe vía streaming, nun evento de tres días que pretende expandir os límites xa coñecidos e analizados.