Xornadas

Videoxogo e Literatura

Ao longo da historia, os videoxogos atoparon unha fonte de inspiración na narrativa máis tradicional, a literatura, pero é evidente que, sobre todo nos últimos anos, videoxogo e literatura se veñen nutrindo reciprocamente. A narrativa máis clásica inflúe no xeito de crear argumentos e personaxes nos videoxogos, e dalgunha forma isto tamén está a ocorrer á inversa. As grandes tramas de moitos xogos, coas súas innovadoras estruturas narrativas, inflúen na mentalidade de cada vez máis escritores amosándolles novos camiños e posibilidades para a presentación das súas historias.

Por outra banda, diversos estudos vinculan o uso de videoxogos coa mellora da lectoescritura, da creatividade, da empatía e da comunicación positiva, así como tamén do benestar mental na xente nova. O videoxogo serve como vía para introducirse na historia de xeito máis profundo e interactivo que outras canles máis tradicionais.

II Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal

En 2019, a Fundación Carlos Casares organizou unha xornada que baixo o título “Videoxogo e Literatura” pretendía explorar as posibilidades de crear sinerxías entre ambos os dous espazos, a partir dunha canle de comunicación libre e aberta. Escollemos unha mirada transversal e convidamos a empresas do sector, a técnicos, artistas, profesores universitarios e representantes do asociacionismo profesional. A iniciativa tivo unha magnífica acollida; tanto que, ao remate da xornada, os participantes manifestaron a necesidade de afondar no proxecto, ampliándoo, incluso, a outros sectores potencialmente interesados. A canle de comunicación ficaba, pois, establecida.

Nesta segunda edición, que ocupará dous días completos, preténdese ampliar o coñecemento público sobre o sector, debullar as perspectivas de crecemento e integración na cadea de valor da cultura, apuntar os desafíos que enfrontan os seus profesionais, e ofrecer, tamén, a posibilidade de interactuar coas figuras máis dinámicas e prometedoras do sector, en calquera das súas especialidades. Cremos que o sector cultural do videoxogo galego ten moitas posibilidades de expansión, e é nese punto de confluencia coa literatura, en particular, e coas artes en xeral, onde vai coller o impulso necesario que para acadar a velocidade de escape cara á escena internacional.