MUVI

A historia dos videoxogos en 360º
Tras as reflexións que deixaron as primeiras Xornadas, a Fundación Carlos Casares e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia propóñense desenvolver e afondar no legado de Casares e o seu interese pola tecnoloxía, velando pola difusión da cultura galega e focalizando no diálogo que manteñen as novas expresións culturais populares coma os videoxogos, con outras fórmulas clasicamente aceptadas como a literatura ou a arte.

“A historia dos videoxogos en 360º” é unha instalación expositiva e interactiva, complementada por unha visita virtual en 360º, que propón ao visitante viaxar polos eventos máis relevantes da historia do sector. Máis de 40 anos resumidos en 20 fitos: videoconsolas, universo arcade, VR, mandos de control únicos, videoxogos que marcaron época e os mellores videoxogos, esta vez, tamén galegos. Creado polo Museo do Videoxogo en colaboración con algúns dos desenvolvedores de videoxogos máis importantes de Galicia, a proposta conduciranos dende a década de 1970 ata os nosos días a través dun percorrido divulgo-interactivo adaptado aos tempos, no que tamén será imprescindible a interacción virtual para coñecer en profundidade todas as pezas expostas.

Con esta formulación innovadora, a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia presenta á sociedade galega o videoxogo como unha ferramenta educativa, coa rigorosidade e respecto que merece, e en definitiva como un ben cultural que forma parte da sociedade e evoluciona xunto con ela como pode facelo a literatura, o cine ou a música.